miércoles, 18 de mayo de 2011

Presentación eixos programáticos sobre Educación e Cultura

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PRESENTOU AS SÚAS MEDIDAS EN DEFENSA DA EDUCACIÓN PÚBLICA E DUNHA CULTURA DE BASE .

XABIER RON DEFENDE A NECESIDADE DE REMATAR COA HIPOCRISÍA ACTUAL: “NON SE DEFENDE A PAZ, FACENDO A GUERRA” .




Esquerda Unida Compostela, a través do seu candidato á Alcaldía, Xabier Ron, presentou os eixos programáticos sobre educación e cultura. A educación é un piar da integración e da cohesión social e EU quere proxectar igualdade e equidade entre os diferentes centros educativos, tanto do rural como do espazo urbán, e, sobre todo, para que os nosos centros públicos non coñezan desequilibrios con respecto aos centros privados concertados. E debe asumirse tendo en conta os principios da democracia participativa.

As comisións de escolarización teñen que funcionar con claridade de criterios, de reparto, evitando problemas de densificación ou de redución (como pode ser o Santiago Apóstol da Almáciga). Xabier Ron insistiu na necesidade de equiparar a zonificación dos centros privados concertados coa dos centros públicos. EU considera prioritario artellar un Plan Director para coordinar a oferta de servizos complementarios para evitar os actuais desequilibrios. EU recuperará a xestión pública dos servizos. EU quere que o Concello asuma a súa responsabilidade, en tanto que administración pública, na xestión dos comedores escolares, mentres non se acade o marco de cooperación necesario coa Xunta de Galicia. Xabier Ron expresou que debe crearse un Plan Plurianual de mantemento e renovación de centros educativos.

E non caben triunfalismos en canto a oferta de centros públicos en educación infantil 0-3 anos, e debemos garantir que se lle dá resposta ás demandas desde o eido publico. As delicadas economías familiares merecen todo o esforzo da administración pública. E isto atendendo a un criterio de racionalización e equilibrio na distribución xeoespacial para que o rural non quede desasistido a este respecto.

Para Xabier Ron os centros educativos teñen que muda en verdadeiras comunidades de aprendizaxe, co obxectivo de que todas as persoas participen na comunidade de xeito democrático. Un exemplo diso seríano as escolas de pais e nais, entendidas como espazo de formación e participación democrática.

Son numerosas as medidas centradas sobre a educación. As prazas, os parques e xardíns serán un lugar para o desenvolvemento cultural, formativo e educativo das persoas usuarias. Dinámicas de animación á lectura, escenficacións de guiñois, dinámicas teatrais; maxia; xogos de cooperación...o espazo público como educador.

Esquerda Unida quere dinamizar unha política cultura formativa de base. Favorecer a creación e a consolidación de creadores e creadoras, de axentes culturais da localidade. Avanzar, desde un enfoque participativo, en dinámicas de apoio aos mercados na rúa. Rachar a uniformización cultural actual e revitalizar o tecido cultural e asociativo a este respecto. O rural, desde a conformación de roteiros educativos que poñan de relevo os aspectos naturais, arqueolóxicos, históricos, etc., sumarase á visión integradora que ten EU da cultura.

Finalmente, Xabier Ron insistiu na necesidade de sermos máis solidarios. De non recurtar neste eido a débeda que temos co mundo empobrecido debido ás nosas políticas e ao noso estilo de vida devorador. Desde unha Concellaría de Paz, Solidariedade e Dereitos Humanos, EU artellará unha politica de solidariedade xusta e ética. E Xabier Ron pediu que remate a hipocrisía dalgúns que falan de paz nesta campaña electoral mentres apoian guerras que matan inocentes –e de paso gástanse inxentes cantidades de diñeiro público moi necesarias por exemplo para afortalar os servizos sociais ou poder acometer a reconstrución das vivendas de Lorca con garantías- ou mentres vemos como a OTAN, coa complicidade de España, deixa morrer no mar a persoas que foron expulsadas dos seus países por mor da guerra e da insolidaria política do norte enriquecido.

No hay comentarios: