martes, 10 de mayo de 2011

Presentación eixo programático sobre Modelo Público de Xestión

ESQUERDA UNIDA PRESENTA O EIXO PROGRAMÁTICO SOBRE UN MODELO PÚBLICO DE XESTIÓN PARA O CONCELLO DE COMPOSTELA .



Esquerda Unida Compostela, a través do seu cabeza de lista, Xabier Ron, e Vicente Vázquez, segundo cabeza de lista , presentou as medidas destinadas a definir un modelo público de xestión .Esquerda Unida quere un Concello forte, con capacidade política de decisión, con competencias e recursos económicos suficientes para procurar alternativas e solucións aos retos sociais cada vez máis numerosos e aos que lle ten que dar resposta o Concello.

Catro son os eixos esenciais: 1) maior autonomía de xestión das competencias tributarias municipais (Esquerda Unida quere que se compense a substitución do IAE cun imposto que grave o beneficio e non a actividade); 2) reforma integral da participación das entidades locais nos ingresos do estado; 3) incremento das transferencias da Xunta de Galicia, neste sentido Xabier Ron declarou a necesidade de que a maior parte das transferencias sexan incondicionadas e non finalistas; 4) una política fiscal progresiva que permita redistribuir a riqueza mediante o afortalamento dos servizos públicos e o tratamento económico diferenciado en base á renda.

Unha das medidas máis importantes dentro do modelo público de xestión é non privatizar servizos básicos, non externalizar e recuperar de forma progresiva os agora privatizados mediante a creación de Empresas Municipais de Servizos (recollida do lixo; servizo de auga; limpeza viaria; parques e xardíns; limpeza de servizos públicos; servizos complementarios dos centros educativos….).

Esquerda Unida quere desenvolver un modelo de acceso á Función Pública Municipal transparente, áxil e obxectivo, negociado cos sindicatos e consensuado cos grupos municipais. No caso das empresas contratadas para prestación de servizos cómpre exercer un control das cláusulas de contratación e prestación para que as condicións laborais e salariais de traballadores e traballadoras non sexan discriminatorias , e procurar emprego de calidade e estable. Esquerda Unida quere impulsar os nichos de emprego que teñen que ver co eido social e co eido medioambiental.

No tocante aos ingresos, Esquerda Unida quere avanzar na definición de novas figuras impositivas que graven a utilización do espazo público (solo, subsolo, radioeléctrico, ocupación vía pública…); elaboraremos un censo motivado de vivendas baleiras e en base a el, gravaremos as vivendas baleiras no máximo que permita a lei; incrementaremos a inspección tributaria; aplicaremos principios de progresividade fiscal nas taxas e presos públicos; cumpriremos coa directiva comunitaria de corresponsabilidade fiscal á hora de definir taxas que graven a produción de residuos, establecendo desgravacións ou exencións no caso de políticas ambientais positivas; estableceremos bonificacións no IBI para familias numerosas en base ao valor catastral das vivendas e do número de membros da unidade familiar.

No tocante aos gastos, Esquerda Unida Compostela quere que a austeridade se aplique non sobre os dereitos sociais e laborais, senón sobre os gastos supérfluos e innecesarios e sobre a desmesura, tales como as custosas asesorías externas e proxectos que supuxeron elevadas contías do diñeiro de todos e todas e que a nada real conduciron; as pomposas inauguracións, a propaganda institucional de todos os departamentos, ou a política de convite a actos públicos, asi como una revisión á baixa dos salarios de concelleiros e concelleiras. Outras medidas teñen que ver coas medidas de control enerxético para reducir consumos de auga, gas e electricidade, teléfono e carburantes.

En definitiva, Esquerda Unida Compostela quere facer do público o ben da maioría social. En base á implantación das canles que conleva a democracia participativa, informaremos e recibiremos as suxestións dos veciños e veciñas. En todo momento, a cidadanía fiscalizará en que se inviste o diñeiro e de que forma.


No hay comentarios: