viernes, 20 de mayo de 2011

CARTA DE XABIER RON Á CIDADANÍA

QUE MÁIS TEN QUE PASAR?
QUE A VOSA INDIGNACIÓN SE CONVIRTA NUN VOTO ÚTIL PARA DEFENDER OS VOSOS DEREITOS, NUN VOTO A ESQUERDA UNIDA




Xa está. A campaña electoral rematou. Procuramos dar a coñecer as nosas propostas con forza e moito traballo. Traballo non sempre publicitado polos medios de comunicación máis interesados en divulgar unha falsa imaxe de bipartidismo (nunha cara da moeda, a rancia política da dereita; na outra cara da moeda, os que, co sorriso, aplican as mesmas políticas neoliberais).

Mais, da mesma forma que fixemos ao longo destes catro anos desde as rúas, presentando iniciativas para que o equipo de goberno, nestes 15 días pateamos as rúas do concello, as dos barrios e as das parroquias, entregando en man o díptico e conversando coas xentes do lugar.

Hai fartura. A xente está cansa dos mesmos xestos, das mesmas prácticas.

Nós, Esquerda Unida Compostela, estamos convencidos que, se entramos, entra con nós o pobo. Nós teremos aberta a nosa porta para os veciños e veciñas. Nós escoitaremos as suxestións veciñais e defenderemos, respectando, loxicamente, os nosos principios ideolóxicos e o noso programa, as vosas propostas no Concello. Abonda xa de ollar por riba do ombreiro desde o balcón do pazo de Raxoi. Nós queremos igualdade, unha ollada fronte a fronte, en diálogo constante con vós, veciños e veciñas de Compostela.

Hai desencanto. Sabémolo ben. Porque nós levamos loitando todo este tempo contra as políticas que o provocaron. Nós enfrontámonos a todos os recurtes de dereitos que os que nos gobernan consideran inevitable. Falso. Non son inevitables. Evitable é pasear en coches oficiais que valen varios millóns das antigas pesetas. Evitables son as custosas asesorías externas. Evitables son os esaxerados salarios de concelleiros e concelleiras. Evitable foi o desbaldimento de diñeiro público durante a visita papal. Evitables son as privatizacións que sempre ofrecen un servizo máis caro á cidadanía. Si, sabémolo ben. Hai desencanto.

Por iso, eu, Xabier Ron, en tanto que candidato á Alcaldía de Esquerda Unida Compostela, pídovos que ese desencanto se transforme en indignación (que focalicedes ben que son os causantes da desfeita en dereitos) e que esta indignación se transforme nun voto a Esquerda Unida Compostela, o único voto útil pois defendemos sempre primeiro ás persoas. Que máis ten que pasar entón para facelo?

Como dicía o poeta catalán Miquel Martí i Pol, “queda todo por facer, e todo é posible”, pero, para iso, Esquerda Unida precisa do voso apoio.

Apertas
Xabier Ron
Candidato á Alcaldía de Esquerda Unida Compostela.

No hay comentarios: