martes, 15 de marzo de 2011

Retraso nos centros de saúde de Conxo e Galeras

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CRITICA O RETRASO NA CONSTRUCCIÓN DOS CENTROS DE SAÚDE DE CONXO E GALERAS

O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA DENUNCIA O CARÁCTER ELECTORALISTA DAS ÚLTIMAS ACTUACIÓNS DO EQUIPO DE GOBERNO.

Esquerda Unida sempre defendeu e defenderá os servizos públicos de calidade como o mellor garante para unha sociedade xusta e igualitaria, sendo un dos servizos máis importantes, e que tódalas administración públicas deben traballar para levalo a cabo, a sanidade.

Premisa que o actual equipo de goberno comparte pero, unha vez máis, só sobre o papel, posto que nas medidas de goberno acordadas no 2007, no punto 26 pode se ler textualmente: “Impulsar a construción de dous novos centros de saúde en Galeras e no barrio de Conxo …” mostrando a realidade a ineficacia do PSdG e BNG para cumprir o que eles asinaron, posto que no mellor dos casos estes dous centros de saúde comezarán construírse este ano.

Por suposto, ademais de criticar este grave retraso, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela queremos facer fincapé que coa nova lei electoral se impide facer inauguracións, nin proclamar publicamente os "logros" acadados desde que se convoquen formalmente as eleccións, o que está provocando no actual equipo de goberno unha voráxine de inauguracións, elaboración de estudos… para disimular a súa ineficacia e improvisación deste últimos catro anos.

Por último cómpre recordar como o PSdG e o BNG se “acordaron” recentemente de facer estudos para que o goberno central coñeza o estado do firme do periférico, levan a cabo inauguracións de beirarrúas, como as realizadas en Galeras e no Romaño, e outras actuacións puramente electoralistas e cosméticas para cubrir a súa deixadez a hora de velar polo benestar da cidadanía, que culminan hoxe coa aprobación do estudo de detalle para construír o centro médico de Conxo, algo que se debera artellar moito antes deste mes de marzo de 2011, tendo en conta as necesidades existentes no Concello en materia de atención primaria.

No hay comentarios: