jueves, 13 de mayo de 2010

Estado policial

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA O ESTADO POLICIAL MONTADO EN COMPOSTELA CON OCASIÓN DA VISITA DOS PRÍNCIPES DE ASTURIAS.

ESQUERDA UNIDA SOLIDARÍZASE COAS PERSOAS INTERROGADAS, INTIMIDADAS, MESMO INSULTADAS, E ÁS QUE SE LLE REQUISARON BANDEIRAS E OUTROS SÍMBOLOS REPUBLICANOS.

ESQUERDA UNIDA SEMPRE TRABALLARÁ PARA A CHEGADA DA IIIª REPÚBLICA.


A cidade de Compostela é unha cidade policial. A zona vella é un fortín poboado de policías que, se vas cunha carteira ou mochila, ou tes un aspecto desaliñado, xa están cobizando interrogarte. Pero, hoxe, coa visita dos príncipes de Asturias a sensación recrudecéuse e a cobiza deu lugar ao acto de forma arbitraria.

A liberdade de expresión debera ser principio rector da nosa democracia. Pero para os corpos policiais esta liberdade cínguese unicamente a poder “berrar”: as bandeiras republicanas, os pins coa bandeira republicana e outros símbolos, foron requisados ao mesmo tempo que non menos de 7 persoas eran intimidadas e “fichadas”. Mesmo houbo unha serie de comentarios despectivos realizados polos inquisidores como que eramos “analfabetos”, ou que “non tiñamos nin idea de historia”. De novo, os vencedores querendo adoutrinarnos mentres nos “cacheaban”. Esa foi a peaxe para podermos entrar na Quintana, un espazo público secuestrado pola policía e pola parafernalia que acompaña á familia real. Lamentable! E anoxante!

Unha vez dentro da praza, co que semellaba ser o xefe do grupo especial da policía nacional, acordamos que unicamente iamos berrar a favor da República e en contra da monarquía. Xa que a iso se reducía a nosa liberdade de expresión, iamos exercela con pleno dereito. Así foi como fixemos cando entraron os príncipes, os nosos berros (“España mañana será republicana”) erguíanse por riba dos tímidos aplausos do público asistente e dalgunha sentenza –liberdade de expresión para todos- que nos diríxían “al paredón”...ata que a garda “gorilesca” dos príncipes decidiu empurrarnos e placarnos con violencia coma se fose rugbi tirando ao chan a un par de persoas. Nós, en ningún momento, cambiamos o guión acordado co xefe de policía. Fomos respectuosos co acordado, pero os gardas reais non. A violencia foi a súa resposta ante a forza da escasa liberdade de expresión que nos concederan.

Nós, non somos culpables de que exista un monarca ao que non podemos elixir. Nós, non somos culpables de que se malgaste o diñeiro público nunha familia que non é transparente na súa rendición de contas. Nós, non somos culpables da desmemoria que senta a xuíces no banco dos culpables.

Nós, somos culpables de ser herdeiros da tradición republicana, a que feneceu co golpe de estado de Franco e coa lei do silencio da transición. Nós, somos culpables de ser radicalmente democráticos e de querer elixir a quen di representarnos polo mundo adiante. Nós, somos culpables de buscar a verdade durmida nas beiras dos camiños e agochada baixo a cal que recobre os paredóns...(os mesmos aos que nos querían mandar hoxe algúns).

No hay comentarios: