sábado, 6 de marzo de 2010

Comunicado polo 8 de marzo

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REAFIRMA O SEU COMPROMISO PARA A PLENA IGUALDADE ENTRE MULLERES E HOMES.

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA, neste 8 de Marzo, segue defendendo que as iniciativas políticas e lexislativas deben dirixirse a todos e cada un dos aspectos estruturais de discriminación e violencia que aínda persisten, e estas deben abordarse con medidas preventivas e transversais, baseadas prioritariamente no obxetivo de modificar os valores socias que aínda permiten, toleran e potencian as situacións de desigualdade entre mulleres e homes.

A conciliación entre vida laboral e familiar, de momento é unha mera expectativa. Os homes non comparten equitativamente as cargas familiares e as tarefas domésticas. Para que isto suceda, non só é necesario leis que o regulen, senón tamén, e moito máis importante, crear unha conciencia social de igualdade que transforme a cultura patriarcal e sexista nunha sociedade igualitaria.

A repercusión que ten a crise no mercado laboral, no caso das mulleres, é cada día máis alarmante. A xa permanente precariedade, a desigualdade salarial e a discriminación por razón de sexo ou polo estado civil das mulleres, que condiciona o seu aceso ao emprego e aos traballos estables, agora máis que nunca están patentes en todos os contratos que se realizan a mulleres.

O risco máis temible para as mulleres nesta situación de crise é o retorno de moitas ás tarefas domésticas e de coidados familiares, o que pode producir unha involución sen precedentes cara a vellos roles patriarcais que estamos combatindo.

Por outra parte, os alarmantes índices de pobreza, que afectan con maior rigor ás mulleres inmigrantes, máis desprotexidas, e ás mulleres maiores, con pensións mínimas ou non contributivas que non chegan a cubrir as súas necesidades básicas, fan máis apremiante aínda o reforzamento do Estado Social e dos sistemas de proteción.

Por iso, neste 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, Esquerda Unida Compostela estará na manifestación organizada pola Marcha Mundial das Mulleres e que sairá desde a Praza do Toural, ás 20h30. A nosa organización anima a mulleres e homes a que se posicionen sen ambigüidades pola plena igualdade.

Sabendo que está en vigor o III Plan de Igualdade do Concello (2009-2011), Esquerda Unida Compostela reclama que se fagan público os resultados da súa posta en marcha e sabermos en que aspectos se ten que mellorar nas esferas convivencial, laboral, sociocomunitaria e de cooperación institucional para que o noso concello coñeza a plena igualdade entre mulleres e homes.

Compostela, 6 de marzo de 2010.

No hay comentarios: