jueves, 4 de febrero de 2010

Contra o teleférico á CdC

MENTRES AUMENTAN AS QUEIXAS POLAS DEFICIENCIAS DO TRANSPORTE PÚBLICO, O CONCELLO E A XUNTA ALÍANSE NO DESBALDIMENTO DE RECURSOS COA CONSTRUCIÓN DE TELEFÉRICOS PARA XUSTIFICAR A NEFASTA CREACIÓN DO MAUSOLEO CHAMADO CIDADE DA CULTURA.

ESQUERDA UNIDA ESIXE ÉTICA E COHERENCIA E QUE SE DESTINE O DIÑEIRO A MELLORAR O TRANSPORTE PÚBLICO.

Esquerda Unida Compostela considera un auténtico disparate a pretensión de construir 2 teleféricos para acceder ao mausoleo coñecido como Cidade da Cultura. É unha tomadura de pelo aos veciños e veciñas desta cidade, que padecen as consecuencias do capitalismo salvaxe, ter que asistir a como se funden 9 millóns de euros no primeiro teleférico (2 millóns de euros figuran nos orzamento da Xunta para este 2010).

Todas estes disparates contribúen a amplificar o enlousado de diñeiro público, o de todos os galegos e galegas, que representa a Cidade da Cultura. Un espazo totalmente afastado das súas necesidades e realidades. Un paso máis para o escaparatismo, a elitización da cultura e a museificación de Compostela. Por iso, e porque é preciso defender o ben público, respaldamos o traballo da Plataforma Cultura Si Mausoleo Non que, ante o auto de sobresemento provisional, seguirá traballando para esixir responsabilidades políticas, baseándose nas propias argumentacións do auto (que confirman, di o comunicado realizado pola Plataforma "irresponsabilidade administrativa", anomalías de bulto, ilegalidades administrativas que logo foron convalidadas, contratos en condicións leoninas,etc... “).

Esquerda Unida, tal como o fixemos con anterioridade, súmase ás críticas do órgano da Unesco, o Icomos, e das organizacións ecoloxistas. A invención dos teleféricos vai en contra da racionalidade ecolóxica, xa que é posible facer o enlace co transporte público.

Os teleféricos só obedecen a un desexo: xustificar como sexa o Mausoleo. O desbaldimento de diñeiro público nos mesmos acontece nunha cidade onde o transporte público incumpre todos os parámetros de eficacia e eficiencia en tanto que servizo público: accesibilidade, mobilidade, respecto dos horarios, frecuencias, conectividade cos municipios limítrofes, prezo, mobiliario axeitado (marquesinas, papeleiras, ...).

Desde Esquerda Unida Compostela esixímoslle a retirada do proxecto, a súa anulación, e destinar o diñeiro previsto na construción dos teleféricos a converter o transporte público nun servizo público realmente de calidade e aspirando á súa gratuidade.

No hay comentarios: