martes, 10 de noviembre de 2009

Banco do pobre

ESQUERDA UNIDA DEMANDA AO CONCELLO SERIEDADE, QUE LEVE A INICIATIVA E CUMPRA COA PROMESA DADA AOS VECIÑOS DO BANCO DO POBRE EN 2005

Esquerda Unida Compostela quere amosar a súa preocupación na que se atopan os veciños do barrio de Sto. Ignacio de Loyola, coñecido coma Banco do Pobre. Á decisión, décadas atrás, de ubicalos nunha zona deprimida da cidade pola súa precaria situación económica, despois de anos de esquecemento municipal, súmase, agora que os terreos nos que están asentadas as súas vivendas comezan a ter un valor estratéxico moi alto pola expansión da cidade cara o Hospital Clínico, a actuación ambigüa e lanzando balóns fóra do Concello de Santiago de Compostela que, mesmo despois da xuntanza de onte, deixa no nerviosismo aos veciños e veciñas ante o que era unha previsible situación de desahucio cunha vaga promesa de terreos no Burgo das Nacións onde construír unhas vivendas que, nin por idade nin por capacidade económica, sería asumible por eles. Máxime cando o propio Concello comunicara no ano 2005, e por escrito de Alcaldía, a reserva de vivendas no SUNP 22 de Volta do Castro. Esta circunstancia é a que cómpre sexa efectuada de forma fidedigna, sen lugar a interpretacións especulativas.

Esquerda Unida Compostela solidarízase cos veciños e veciñas e lémbralle ao Concello de Santiago a responsabilidade das Administracións Públicas para adaptar as solucións de vivenda á realidade das necesidades das persoas. Entendemos que non deberían ser os veciños e veciñas os que se reúnan coa USC para certificar que non se vai xogar coa súa futura vivenda. De feito, agardamos que Concello e Universidade non entren nun xogo de declaracións cruzadas sobre a quen lle toca dar o paso seguinte. Tanto Concello como Universidade deberían sentarse ao mesmo tempo xunto coas persoas afectadas e explicarlles de forma clara os pasos a seguir neste proceso de realoxo e, desde logo, consignar por escrito vinculante a existencia da súa futura vivenda.

Esquerda Unida Compostela demanda ao Concello de Santiago seriedade, que leve a iniciativa en todo este proceso e que cumpra coa palabra dada no ano 2005.

No hay comentarios: