miércoles, 8 de julio de 2009

Vulneración dereitos humanos

Na xuntanza mantida coa Secretaria de Estado de Inmigración, Consuelo Rumí, o luns 6 de xullo en Caldas de Reis quedou manifesto que as xuntanzas cos colectivos que traballamos coas persoas inmigrantes, ou os propios colectivos de persoas inmigrantes, son auténticos paripés, onde se debe asistir para dicir si a todo o que sae da boca dos "gobernadores".
Cando menos queda manifesta a verdadeira faciana do noso goberno en materia de dereitos humanos (xa manifesta cando votaron si a Directiva da Vergoña en Europa e cando dixeron sí, cando gobernaba o PP, a esta infumable Lei de Estranxeiría).

Claro está, ao mellor dirán que é o que desexa o pobo español. Agardamos que estean equivocados. Coa extrema dereita vivindo a gloria en Europa -ao igual que co ascenso dos fascismos que nos levou á II GM- e coa dereita rancia gobernando moitos feudos...que futuro se pode debuxar???

Reproducimos o comunicado do Foro Galego de Inmigración
*****
FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
COMUNICADO DE PRENSA
Varios Representantes do Foro Galego de Inmigración formado polas asociacións e entidades recollidas abaixo (máis de 80 asociacións e entidades de toda Galicia), presentaron onte Luns día 6 de Xullo nun acto celebrado en Caldas de Reis á Secretaria de Estado de Inmigración , Consuelo Rumí, as súas propostas en relación coa Reforma da Lei de Estranxeiría e con outras cuestións relacionadas coa política migratoria do Goberno Central:
-A Valoración global que facemos do Encontro é negativa. Non houbo interese por atender as nosas propostas, nin amosou a Secretaría de Estado receptividade algunha cara ás mesmas. Mesmo tentou deslexitimar ao Foro Galego de Inmigración como interlocutor. Por outra banda, a decisión de facer a Reforma, pendente do paso polo Parlamento, nos termos actuais está ben clara e mesmo parece que se van habilitar plenos no Parlamento Español no mes de Xullo coa finalidade de acelerar o proceso de aprobación da Reforma da Lei.
-A nosa oposición á Reforma da Lei basase en que entendemos que globalmente a Reforma proposta é fondamente restrictiva e negativa polas seguintes razóns:
1.- A importante limitación do reagrupamento familiar para ascendentes de residentes , que só se permite para os/as de longa duración (5 anos de estancia).
2.- A apertura da posibilidade de repatriación de menores inmigrantes basándose na garantía dos servizos de atención a menores dos países de orixe dos e das menores. Posibilidade moi discutible no caso de países como Marrocos, por exemplo.
3.- Recolle o intolerable aumento de prazo de estancia nos centros de internamento de estranxeiros ata os 60 días (antes eran 40) con posibilidade ademáis de incrementar esa estancia en determinados casos.
4.- E sobre todo porque basease na persecución sistemática da poboación inmigrante en situación de irregularidade administrativa e no peche das fronteiras. Establece así, ademáis, unha coartada legal para as actuacións de persecución contra esta poboación inmigrante residente no Estado español que xa dende hai varios meses veñen denuciado moi diferentes organizacións en diferentes partes do Estado.
Negámonos a aceptar esta visión intencionadamente “criminalizadora”, na que tanto insiste este proxecto do goberno central, sobre unha realidade, á da inmigración, tan fondamente positiva para o conxunto da poboación galega e española.

-Ademáis presentamos as nosas propostas para mellorar a Lei actual en cuestións non comtempladas na actual Reforma e que en realidade permitirían unha Lei moito máis respectuosa cos dereitos das persoas inmigrantes :
1.-Arbitrar algún sistema para que as persoas en situación de irregularidade administrativa puideran resolver a súa situación de acordo cunhas esixencias razoables.
2.-Establecer un modelo único de autorización de residencia (que habería que renovar periódicamente), que permitira sempre traballar e sen as actuais limitacións xeográficas ou de ocupación. Nesa liña urxiría tamén: Unha reforma do actual sistema de continxente, establecendo un modelo flexible, rápido e eficaz (trimestral ou mensual, con posibilidade de realizar ofertas de forma permanente por parte de empresari@s e empregador@s, de carácter autonómico, etc). Os catálogos de ocupación de difícil cobertura deben ser tamén máis flexibles, en ámbitos xeográficos e temporalmente.
3.- Aínda que a actual Lei contempla esta opción, a Reforma debe establecer de forma clara que as persoas en situación de irregularidade administrativa cometen unha falta administrativa pola que deben aboar unha determinada multa, pero non ten sentido a incoación de procedementos de expulsións para estas persoas que non cometen delicto algún. Disto se derivarían dúas medidas inmediatas: Eliminación dos Centros de Internamento. Incluir clausulas que garantan o tratamento d@s traballadores e traballadoras inmigrantes como vítimas, con dereito preferente e efectivo para obter autorizacións de residencia e traballo, nos casos de explotación laboral destes traballadores e trablladoras. A mesma consideración deben ter lóxicamente as mulleres ou homes obrigad@s a prostituirse.
4.- Relacionado co anterior parece importante establecer unha serie de supostos claros e amplos para as autorizacións excepcionais (mulleres e homes obrigad@s a prostituirse; vítimas doutros tipos de explotación laboral; mulleres vítimas da chamada violencia de xénero; persoas adultas ou menores en situación de desamparo ou dependencia; persoas con enfermidades graves; etc). O Catálogo debe ser amplo e flexible.
5.- Garantir en todo caso o acceso aos dereitos básicos para todos e todas, tamén para as persoas que transitoriamente se atopen en situación de irregularidade administrativa, supón o acceso en condicións de igualdade aos servizos públicos de educación, sanidade (garantir o acceso a tarxeta sanitaria) e de benestar social e inclusión social: rendas mínimas e outras axudas sociais.
6.- A Lexislación debe garantir dereitos das persoas, recoñecidos pola ONU e por outros organismos e institucións internacionais, nas actuacións de control en portos, aeroportos, estradas, etc.
7.- Unha demanda importante sería tamén o establecemento dun Observatorio Independente do Racismo e da Xenofobia, con obriga de presentar diante do Parlamento anualmente un Informe Público e detallado sobre as situacións de Racismo e Xenofobia detectadas ou denunciadas no conxunto do Estado Español.Insistimos, por último sen obter tampouco compromiso algún por parte da Sra Secretaria de Estado de Inmigración na necesidade de frear o proceso de persecución policial contra o colectivo inmigrante que este Foro ven denunciado nos últimos meses en Galicia.

No hay comentarios: