viernes, 9 de enero de 2009

Manifesto por Palestina

MANIFESTACION NACIONAL

ALAMEDA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

DOMINGO, DÍA 18 DE XANEIRO, ÁS 12:00 HORAS

CON PALESTINA
CONTRA DA MASACRE SIONISTA EN GAZA
POR UNHA PAZ XUSTA E DURADEIRA
PARA QUE REMATE ESTA MATANZA
VIVA O POBO PALESTINO


O chamado conflito palestino non é novo. Son xa moitos anos de violencia, de ocupación ilegal dos territorios, de morte, de sufrimento e destrucción. A actual intervención do exército israelí na franxa de Gaza ven de moi atrás. Estamos, unha vez máis, diante dun episodio de violencia indiscriminada e desproporcionada, unha auténtica matanza, especialmente contra dunha poboación civil á que se lle nega mesmo a posibilidade de fuxir.

Esta non é unha guerra, non existen exércitos enfrontados, nin igualdade de forzas, nin de recursos. Non existe simetría nin equilibrio entre partes por moito que algúns se empeñen en negar a evidencia. Non é posible a equidistancia. Os verdugos teñen nome coñecido e as vítimas tamén, cóntanse por miles, entre mortos e feridos. A vulneración dos dereitos humanos, a violación sistemática da legalidade internacional, dos acordos de paz e das resolucións das Nacións Unidas teñen un nome inequívoco, o Estado Sionista de Israel.

Trátase, xa que logo, dunha auténtica masacre, sen escrúpulo moral algún, sen respecto pola poboación máis indefensa, os anciáns, nenos e nenas, mesmo cooperantes internacionais, nin tampouco polas mesquitas, hospitais ou mesmo escolas, as escolas das Nacións Unidas, con identificación oficial, con coordenadas coñecidas e transmitidas, onde estaban refuxiados do horror centos de cativos e cativas palestinas. O sionismo non coñece límites.

O exército e o goberno israelí, sabémolo ben, son expertos tamén na ocultación da verdade, contan con axentes moi poderosos. Resulta escandaloso que manifesten que as accións militares actuais son en resposta ó lanzamento de foguetes caseiros desde Gaza, ¿acaso non coñecemos a política de asasinatos selectivos de dirixentes palestinos practicada por Israel nos últimos anos? ¿De destrucción de vivendas das súas familias? ¿Acaso un exército como o israelí non ten capacidade para detectar e localizar eses lanzamentos?

E en todo caso, ¿onde está a proporcionalidade da resposta?. Xa a coñecemos, balas contra pedras, tanques e mises contra a poboación civil, ocupación militar dos territorios palestinos, máis colonizacións fronte dos acordos de paz.

Son centos e miles os palestinos asasinados, os torturados nas cadeas israelís, os mortos como consecuencia do bloqueo, os inspeccionados e humillados a diario.

En ningún caso a morte de civís está xustificada, nin a violación sistemática dos dereitos humanos, nin a ocupación militar dos territorios palestinos, nin a vulneración permanente das resolucións das Nacións Unidas. O estado de Israel non ten credibilidade algunha. Perdeuna. É probablemente o estado do mundo que máis ten violentado a legalidade internacional, negado unha solución política a un conflito que se dilata inxustificadamente no tempo. Cada vez quedan menos persoas no mundo que podan crer as mentiras israelís. Indigna pensar que a brutal ofensiva militar israelí actual teña que ver coa súa propia axenda electoral. Traficar mortos por votos fai que abominemos do sionismo e das súas prácticas.

Pero non é posible unha solución militar na rexión. A comunidade internacional, a UE e o Estado Español teñen que propiciar -dunha vez por todas- unha solución política que pasa, inevitablemente, polo remate da ocupación militar, pola retirada israelí, por un alto o fogo inmediato, polo diálogo sincero para acadar unha paz xusta e duradeira sobre a base dos acordos internacionais.

A cidadanía galega, a sociedade civil global está con Palestina, está co pobo palestino, apoia e recoñece o seu dereito á existencia e a ter un estado propio. Como recoñece o dereito do pobo israelí á súa propia existencia e á súa seguridade. O que non se pode admitir é a violencia indiscriminada, a crueldade, o horror, as solucións bélicas para conflitos que son políticos. Por iso demandamos unha solución política definitiva, xusta e duradeira.

O estado español debería ter un papel moito máis activo na procura desa solución política. A UE, a comunidade internacional no seu conxunto, teñen a obriga moral e política de impoñer a Israel o respecto escrupuloso polas resolucións de Nacións Unidas, con toda firmeza, con medidas de boicot, como se fai con outros estados, como se fixo con Sudáfrica no seu momento, para rematar co réxime do Apartheid. Desde logo, como non se fai é tolerando que Israel ocupe territorios ilegalmente, masacre á poboación civil palestina, ou coa política de seguir vendendo armas a países en conflito, como segue a facer España, lamentablemente, e outros estados que se sentan no Consello de Seguridade da ONU.

Galicia enteira reclama unha paz xusta e duradeira na rexión, a resolución pacífica do conflito por medio do diálogo e do acordo, a fin da ocupación militar, a retirada de tódolos territorios palestinos ocupados, así como a persecución xurídica dos responsables desta matanza indiscriminada, un auténtico crime contra da humanidade.

En consecuencia esiximos que:

· Se impulsen políticas activas de solidariedade en favor de Palestina
· Se deteñan tódolos ataques e bombardeos
· Se abran as fronteiras para as axudas humanitarias, especialmente en Rafah, xa que dende o 2006 nin o 10% das axudas enviadas á faixa de Gaza puideron pasar.
· A ONU lle outorgue a tódolos representantes lexítimos palestinos, incluíndo a Hamás, a oportunidade de sentarse á mesa do diálogo ao igual que Israel.
· O goberno español rompa as relacións diplomáticas e comerciais con Israel.
· A Xunta de Galicia se pronuncie contra Israel e a favor do pobo palestino.
· Se denuncie a venda de armas.
· Se promova o boicot aos produtos israelís e daquelas empresas que manteñan relacións comerciais con eles.
· Os medios de comunicación e a prensa internacional sexan neutrais.


¡VIVA PALESTINA!

¡VIVA GALICIA!

¡PAZ AGORA E PARA SEMPRE!

¡VIVA O POBO PALESTINO!

Organizacións Convocantes:

Coordinadora Galega de ONGDs
Coordinadora Galega pola Paz
Foro de Inmigración
Galiza por Palestina
Iniciativa polos Dereitos Humanos

...
A Ghentahla do Pichel
Acsur Galiza
Adiante
Asemblea Republicana de Vigo
Asociación Francisco Villamil
Asociación Galaico Arabe Jenin
Aturuxo
BNG
BRIGA
CC.OO de Galicia
Ciberirmandade
CIG
CNT
Colectivo dos Mozos Comunistas
Comité de Defensa das Rías
Coordinadora de Crentes Galegos
Corrente Vermella
Cosal
CUT
DSI
Encontro Irmandiño
Esculca
Esquerda Unida
FPG
Fuco Buxán
Fundación Araguaney
Fundación Galiza Sempre
Galiza Nova
Isca
Marcha Mundial das Mulheres
Médicos do Mundo
Movemento pola Base
Mundo Sen Guerras
Nós Unidade Popular
Partido Comunista dos Pobos de España
Partido Humanista de Galicia
PCPG
Plataforma Alternativa
Pola Esquerda
Seminario Galego de Educación para a Paz
Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galiza (STEG)
Socialismo Libertario
Solidariedade Internacional
UGT Galicia
Viraventos
Xustiza e Sociedade

No hay comentarios: