viernes, 2 de enero de 2009

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA A PRIVATIZACIÓN DO COMPLEXO DO MONTE GAIÁS

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA A PRIVATIZACIÓN DO COMPLEXO DO MONTE GAIÁS

YOLANDA DÍAZ, DEMANDA A DISOLUCIÓN DA FUNDACIÓN GAIÁS

Esquerda Unida quere denunciar o novo paso dado polo bipartito coa entrega ao capital privado das partes do complexo do Gaiás que se prevé que poidan ser rendibles, as pezas do complexo que van xerar maiores ingresos, a saber, o Escenario Obradoiro e o Centro de Arte Internacional, espazos que nas previsións non funcionarán até o ano 2012.

É inconcebible que un proxecto á procura aínda de claros contidos e de sentido, que ten consumido importantísimos recursos públicos (a estimación do proxecto bordea os 500 millóns de euros e un custo anual de mantemento no ao redor dos 60 millóns) sexa entregado agora na súa xestión ao capital privado.

Gustosos das fotos coa gran empresa galega, a entrega ao capital privado entra de cheo na receita neoliberal que practica o bipartito: negarlle o pan aos servizos públicos para que funcionen cada vez pior e ter así xustificante de traslado ao capital privado. O futuro dirá a cambio de qué se privatiza o público e cal é a política de favores na que está mergullado o bipartito.

Esquerda Unida aposta por outra concepción da cultura, por un fin distinto dos investimentos culturais, que terían xogado efectos decisivos na vida do país de empregarse nunha concepción da cultura que prime o carácter de base e social das intervencións no eido cultural.

Por iso, Esquerda Unida solicita que se anulen os orzamentos millonarios destinados ao Gaiás (máis de 50 millóns nos do 2009) orzamentos que deberan reverter en ben social (sanidade, educación, servizos sociais...) para a meirande parte da poboación e non para que o capital privado, por riba de acadar a xestión, se aproveite do diñeiro de todos os galegos e galegas. Igualmente, pedimos a disolución das Fundacións da CdC que se están erixindo en “chiringuitos” de amigos e outros clientes. As mentiras do bipartito sobre a imposibilidade de paralizar o mausoleo de Fraga son dantescas, xa que se ten calculado que, de facelo, suporía un 6% dos custos de construción licitada. Pero este goberno non tivo nin ten valentía e déulle continuidade ao proxecto Fraga. Os edificios deberan ser destinados a tarefas máis relevantes: ben como edificio administrativo, ben procurando a reconversión en edificios de maior uso social. Hoxe, mesmo despois do paripé de reconverter os contedores do Gaiás, vemos como se produce un enorme desaproveitamento do espazo e unha clara predisposición por unha cultura enlatada, afastada da realidade cultural galega e das necesidades reais do pobo galego.

No hay comentarios: