lunes, 3 de noviembre de 2008

TOD@S SOMOS MIGRANTES. A LOITA POLA DIGNIDADE COMEZA NAS TÚAS RÚAS.

FORO DE INMIGRACIÓN

NOTA DE PRENSA

O Foro Galego de Inmigración formado polas asociacións e entidades recollidas abaixo presentou hoxe nunha rolda de prensa informativa celebrada ás 11 h na Galeria Sargadelos (Rúa Nova 16) en Santiago de Compostela o acto: TOD@S SOMOS INMIGRANTES

Este acto desenvolverase o vindeiro sábado día 8 de Novembro de forma paralela en Santiago, A Coruña, Vigo e Ourense, para facer público o noso compromiso con esta nosa sociedade de acollida e reivindicar os mesmos dereitos e deberes para todos e todas.

Os lugares nos que se desenvolverán os actos son: Praza Roxa en Santiago de Compostela, Praza de María Pita en A Coruña, Avda das Camelias en Vigo, e Rúa do Paseo en Ourense

Os actos que se desenvolverán entre as 11h e as 13 h, consistirán en:

- Reparto de balde de Pulseras informativas e solidarias coa lenda: “tod@s somos inmigrantes”.

- Reparto de folletos informativos.

- Concentración con Lectura de Manifesto.

- Xesto de Solidariedade e Compromiso: doazón colectiva de sangue dos e das participantes. Invitación ao conxunto da poboación a sumarse a esta acción solidaria. Nunhas cidades haberá Unidade Mobiles do Centro de Transfusión de Galicia e noutras as persoas participantes desprazaranse a un centro sanitario a realizar a doazón.

Fronte as actuacións políticas orientadas a limitar os dereitos das persoas inmigrantes en diferentes ámbitos polo goberno central e as institucións europeas, o Foro Galego de Inmigración co reparto de balde de pulseras solidarias e coa súa contribución simbólica e efectiva para aumentar as reservas de sangue da nosa comunidade autónoma, quere poñer de manifesto o desexo das persoas inmigrantes residentes en Galicia de vivir e traballar de forma conxunta co resto da sociedade para superar estes momentos difíciles de crise económica e aumento do desemprego, somos membros activos e activas desta sociedade e queremos contribuír solidariamente ao seu desenvolvemento, solicitando tamén os mesmos dereitos e deberes para todos e todas. O texto que leremos na Concentración incidirá nos seguintes puntos:

1.- Que as persoas inmigrantes vimos aquí para atopar un lugar no que poidamos vivir coas nosas familias en condicións dignas, pero que tamén contribuímos de forma notable ao desenvolvemento económico, cultural e social de Galicia e de España nos últimos anos.

2.- Que as persoas inmigrantes aportamos a nosa forza de traballo, pero tamén as nosas culturas, valores, ideas e coñecementos. A maior parte das veces non temos outra alternativa que emigrar dos nosos lugares de orixe, aínda que non nos guste e sendo conscentes de que os nosos países quedan máis empobrecidos coa nosa marcha.

3.- Que a maior partes das persoas inmigrantes residentes aquí optamos por desenvolver neste país o noso proxecto vital e o das nosas familias, e que independentemente da situación económica boa ou mala temos dereito a vir e/ou a seguir aquí.

4.- Que as persoas inmigrantes pedimos neste contexto de crise como no de bonanza económica anterior igualdade de dereitos e obrigas con respecto ao resto da poboación Somos e sentímonos tamén de aquí.

5.- Por todo o anterior, rexeitamos as medidas e propostas orientadas a limitar os nosos dereitos individuais, laborais e sociais:

- A chamada Directiva Europea de Retorno, unida á proposta do goberno español de ampliar o tempo de estancia nos centros de internamento ata os 60 días.

- O programa de Retorno Voluntario, coa posibilidade de cobrar a prestación de desemprego acumulada de forma completa, ou a fortísima limitación dos catálogos de ocupacións de difícil cobertura.

- No horizonte, a anunciada limitación do noso dereito ao reagrupamento familiar ou a ampliación de prazo para poder acceder ao arraigo social, cuestións que serían terribles de se converter en realidade para moitos e moitas de nós e para as nosas familias.

Para máis información: Miguel Fernández (981-580506/ 981576142) -Rocío Rodríguez (600-876480)

domingo, 2 de noviembre de 2008

Rolda de prensa do Foro Galego de Inmigración

Mañá luns, ás 11h, presentarase en rolda de prensa na Galería Sargadelos a xornada de reivindicación do sábado 8 de novembro "Tod@s somos migrantes", asi como as sucesivas xornadas de loita por un mundo sen fronteiras.

RESPOSTA DA CONCELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE Á PREGUNTA FORMULADA POR ESQUERDA UNIDA SOBRE AS XESTIÓNS DA VÍA VERDE

Con data de 15 de outubro déuse saída á resposta á pregunta que formulou o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela sobre o estado das xestións para a creación da Vía Verde. En calidade de Coordinador Comarcal cabe felicitarse da pronta resposta da concellaría que dirixe Elvira Cienfuegos. De seguido reproducimos a resposta para que os veciños e veciñas saiban como van as cousas:

***
En contestación ao seu escrito do 18 de setembro de 2008 (núm. rex. 44075) sobre a futura vía verde infórmolle do seguinte:

a) Con data de 17/12/2007 o Concello solicitou do ADIF a cesión para transformación en "Vía Verde" do tramo de vía comprendido entre o km 384/600 e o 397/400, ao mesmo tempo que iniciou as xestións ante os Concellos de Oroso e Ordes para prolongar a "Vía Verde" até este último.
b) Unha vez que os Concellos de Oroso e Ordes se sumaron a esta iniciativa, déronse os pasos para proceder á constitución dun Consorcio que xestione a futura "Vía Verde", pasos que se traducirán no comezo do proceso constituínte, acto que vai ter lugar o vindeiro día 16 no Pazo de Raxoi.
c) Paralelamente, dende esta Concellaría solicitáronse orzamentos para a contratación do servizo e redacción e execución do proxecto de acondicionamento da Vía Verde.
d) Así mesmo, realizáronse xestións a resultas das que, recentemente, obtivemos o compromiso da Dirección Xeral de Turismo para o financiamento da citada contratación.
d) Na liña de aprender doutras experiencias no acondicionamento e xestión de Vías Verdes, o vindeiro 22 de outubro vai ter lugar o Foro sobre iniciativas e experiencias en Vías Verdes, organizado pola FFE e a Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Santiago, aberto a toda a cidadanía e no que aproveitamos a ocasión para convidalo a participar.

Sen dúbida, o proceso é máis longo do desexábel pero temos a confianza de que chegue aos resultados esperados.
Agradecendo o seu interese e lembrándolle que continuamos á súa disposición para calquera suxestión ou achega, reciba un cordial saúdo
A Concelleira de Medio Ambiente
Elvira Cienfuegos López.

****
Reiteramos a nosa satisfacción pola pronta resposta. Pero non podemos deixar de anotar a dúbida que nos deixa o proceso constituínte do "vindeiro 16" (de outubro? sería ao día seguinte; de novembro? sería un domingo), xa que á nosa organización política e social e de seguro que aos diferentes colectivos que traballan por un mundo máis saudable e mellor nos gostaría formar parte de dito proceso para que non permaneza unicamente no eido institucional.
Agradecer tamén o convite do día 22 de outubro, pero o certo é que estivemos traballando arreo na Conferencia Nacional de Esquerda Unida que tivo lugar o 25 de outubro e non tivemos ocasión de poder asistir ao Foro sobre Vías Verdes.
Esquerda Unida seguirá moi atenta ao desenvolvemento das xestións para a creación desta Vñia Verde.
Santiago, 2 de novembro de 2008
O Coordinador Comarcal
Xabier Ron

sábado, 1 de noviembre de 2008

JORGE SEOANE ESTARÁ O MARTES 4 EN COMPOSTELA

O martes 4 de novembro de 2008, ás 20h no Club Internacional de Prensa de Santiago (Avda da Coruña, 6 baixo)estará o fillo de Seoane para participar nunha conferencia onde estará tamén Xesús Alonso Montero. A conferencia está aberta a todo o público.

Reproducimos o escrito de lembranza que acompaña ao anuncio divulgado polo CIP.

lembranza Jorge Seoane...

O fillo de Antonio Seoane, Jorge, naceu en Bos Aires, en setembro de 1928. Do seu matrimonio con Elsa Fernández, tamén filla de inmigrantes galegos republicanos, ten unha filla, Susana e unha neta Mª Laura.

Actualmente atópase xubilado. A súa actividade laboral centrouse na banca e na metalurxia. Unha vez fusilado o seu pai, Antonio, viviu coa súa avoa paterna en Bos Aires, unha casa que deu acollida moitos exiliados republicanos dende 1939, que dunha ou outra forma puideron fuxir dos perigos daquela España.

Hoxe atópase en Galicia para cumprir un soño: que por fin, se recoñeza publicamente o sacrificio do seu pai, como o de tantos outros, para conseguir un sistema democrático de goberno en España.

... recórdao

No ano 1936 eu contaba con 8 anos e a pesar de criarme nunha familia con ideas progresistas, por suposto, non podía medir as consecuencias políticas nin persoais que o alzamento contra o goberno libremente elixido de España, ía producir.

A miña foi unha das moitas familias españolas, asentadas en Arxentina, e xa con fillos nacidos alí, que se envorcaron a organizar e participar no movemento de axuda á República Española.

É aí cando o meu pai e a miña nai, con militancia política e sindical na Arxentina (ambos os dous eran obreiros) empezan unha loita clandestina de apoio á República. E digo clandestina, porque neses anos e logo da detención do meu pai, os gobernos arxentinos que se sucederon por moitos anos, eran de tinguidura francamente fascista.

Van transcorrendo os anos da guerra e o compromiso con republícaa e logo de 1939, coa resistencia á ditadura, vai crecendo no meu pai e isto fai que, clandestinamente, mesmo para min, ao redor de 1944/45 se traslade a Galicia co obxectivo de continuar a loita.

Pasamos bastante tempo sen noticias, soamente un "indicio" do paradoiro do meu pai ao recibir anónimamente, un exemplar de "Mundo Obreiro" que como saben, era o órgano de prensa do PCE. E de súpeto, en agosto de 1948, a miña avoa Anuncia recibe unha carta anunciando que "... dende o 11 do mes pasado, Antonio e Gómez Gayoso "están graves" e que "non dan esperanza ningunha da súa melloría". Noutra similar, suxírese que "é moita a gravidade, non contan que se salven a menos que Ud. faga os medios nesa con grandes especialistas... se non hai quen se interese por el será un perigo para a súa vida "... ". Deste xeito recibín a noticia da detención do meu pai e da súa condena a unha morte anunciada, pronunciada antes de escoitar defensa algunha.

Comeza entón a mobilización en Arxentina, para lograr a súa liberación ou polo menos, evitar a súa sentenza a morte. Nesa mobilización participaron fundamentalmente a Federación de Sociedades Galegas, o Sindicato Ferroviario de Rosario e Lombas de Zamora, os partidos políticos arxentinos Socialista, Comunista e Radical e a xente do común que recollía sinaturas de apoio, especialmente en barrios obreiros de Bos Aires como La Boca, San Telmo e Constitución, onde existía unha importante presenza da colectividade española. Quixera recalcar que tamén participaban desta mobilización os que despois serían os meus moi queridos sogros José e Asunción e a miña muller, Elsa. Tamén se recibiron apoios doutras colectividades como por exemplo, o feixón e a iugoslava. Así mesmo, fíxose eco da situación, algunha prensa escrita como o diario Critica de Natalio Botana, que sempre apoiara a República e informara sobre os sucesos da guerra. Recalco o de xente do común, porque é xusto recordar que o goberno arxentino non fixo nada por axudar os presos políticos republicanos dadas as súas boas relacións co goberno franquista.

Eu con 18 anos pretendín viaxar a Galicia para pedir pola vida do meu pai e non puiden logralo polas negativas familiares e políticas, resultado da mestura de protección polos perigos que me podían acontecer e pola crenza de que era un erro político pedir clemencia ao goberno franquista. O non o facer é un peso que sigo levando á data e que recén, despois de 60 anos, podo expresar verbalmente.

Por iso é tan importante para min, estar con vostedes neste aniversario, onde quero deixar expreso manifestación do meu cariño e agradecemento á familia González Cudeiro por arriscarse infinitamente para rescatar o corpo do meu pai e colocalo cos perigos que implicaba na época, na bóveda familiar, con nome cambiado. Isto evitou que eu fose un dos fillos de españois que aínda hoxe andan buscando os seus restos e haber podido en 1978, por primeira vez, estar fronte á tumba do meu pai.