lunes, 19 de mayo de 2008

Un ano despois, o barrio da Almáciga padece a mesma situación de desleixe

Representantes de Esquerda Unida, entre os que estaba o seu coordinador comarcal, Xabier Ron, mantiveron unha xuntanza coa Asociación de Veciños Francisco Asorey do barrio da Almáciga. Este encontro encádrase dentro da rolda de encontros que vai manter Esquerda Unida para coñecer a situación dos barrios composteláns, cáseque un ano despois desta nova lexislatura municipal.

Pois ben, despois de case un ano de goberno, o barrio da Almáciga segue na mesma situación de desleixe. Cando Esquerda Unida lle preguntou aos veciños, “que cambios notáchedes no barrio? Mellorou?”, a resposta dos representantes veciñais foi clara: “Nada. Todo segue igual ca antes”.

Somos sabedores que o Concello xoga todo a unha carta para con este barrio, o Plan Urbana, como se este fose un maná caído do ceo. Coidamos que hai actuacións que o Concello –repetimos o Concello- pode ir acometendo sen o desbaldimento de cartos públicos observables nalgunha actuación do Concello en certas rúas de Compostela.

E mentres os orzamentos agardaron ata o mes de maio para seren consensuados, mentres se anuncian plans de teleféricos surrealistas cun custo de 20 millóns de euros, os barrios de Compostela, os de vello, seguen o seu paseniño proceso de degradación. No da Almáciga, entre outros aspectos:

- situacións caóticas de aparcadoiro;

- certas rúas precisan paneis de sinalización vertical para regular con seguridade o tráfico;

- as rúas de Arzúa e Enfesta requiren un urxente proceso de acondicionamento e humanización; a de Pastoriza precisa que se repoña o seu firme;

- o principal acceso ao parque segue sendo privado e dificultoso para os veciños e veciñas con problemas de mobilidade;

- cando chove o fin da r/ Basquiños convértese nunha piscina por non esteren canalizadas as augas pluviais;

- o transporte público non chega á parte alta do barrio; ...

Esquerda Unida apoia as demandas do barrio, demandas que, como afirman os veciños, “levamos reivindicando dende hai tempo” e esixe do equipo de goberno unha planificación equilibrada das necesidades dos barrios de Compostela, incluídos os barrios de vello. Antes de elevar a vista ás alturas do cumio do Gaiás, a pé de rúa hai necesidades que os veciños e veciñas queren ver colmadas.

Compostela, 19-maio-2008

No hay comentarios: