viernes, 28 de diciembre de 2007

U-la participación cidadá?

Aínda non tivemos ocasión de poder comprobar se as alegacións que presentamos ao Regulamento foron tidas en conta ou non -supoñemos que non, porque así é a democracia imperfecta da Democracia Representativa-.

En calquera caso, cómpre que os políticos e as políticas de turno, os e as que nos gobernan, se saquen esa máscara de hipocrisía e admitan xa, ao igual que fixeron os eurodeputados socialistas logo do tratado de Lisboa, que lles importa un pemento o que opine ou non a cidadanía e menos aínda a súa participación.

Unha organización pequena como a nosa, sen representación institucional, ás veces, ten a sensación de remar contra o vento, pero desde a modestia hai razóns poderosas que se erguen con forza, e dificilmente son derrubables, a honestidade e o esforzo no traballo cotiá.

Non é doado sabelo, pero ese traballo non obedece a persoas que están liberadas e cobran un salario, senón ás horas de militancia que extraemos do día despois de traballar. Por iso, por moito que o queiran, non calaremos, e facemos noso o manifesto brelián, sempre estaremos á procura da xustiza social e da igualdade de oportunidades.

A política de prezos do Concello é para tremer. Optan por xogar co peto do día a día, cos impostos indirectos, en troques de reivindicar na Xunta e no Estado que os municipios teñan dereito a máis pastel da tarta que reparte o Estado: loitar por ese 30 por cento cando menos para dar resposta aos retos que soporta a política municipal.

Non é polo camiño das plusvalías que reporta a construción -esgotarase-, nin mediante os impostos indirectos. A redistribución da renda -vexamos o modelo finlandés- comeza polos impostos directos, onde aquel que máis ten, máis debe pagar. Pero non. Este país, esta sociedade camiñan da man dun hiperindividualismo e hiperconsumismo devorador e vemos como a clase empresarial se volve -de facto- unha delincuencia organizada ao afirmar un 46% que é razonable a fraude fiscal.

Mentres, temos o que nos merecemos? Ás veces, a resposta é tan sinxela como dicir que si.

Ou é alienación debido á roda do capital (doutro xeito non se pode chamar a escoitar que imos tirar a casa pola ventá o día de fin de ano e logo queixarnos da costa de xaneiro)? Desinterese? O goberno duns poucos para -perdón, sobre- a maioría? Un pouco de todo isto e máis?

A taxa de abstención seguirá aumentando, a menos que se vexa que esta forma de facer política é nociva. É lesiva para os intereses da maioría social. É obstrucionista para a real participación e coresponsabilidade na toma de decisións que máis afectan á vida dun pobo.

No hay comentarios: