miércoles, 24 de octubre de 2007

Os deportistas de Compostela seguen sen contar cunha alternativa á Alameda

Esquerda Unida crítica, unha vez máis, o abandono que coñecen as persoas que practican deporte en Compostela. Resulta curioso que, cando se louva unha prestixiosa carreira pedestre –e con toda razón e xustiza-, as persoas que queren correr para manterse en forma ou relaxarse, ou ben que queren adestrarse, só dispoñan aínda do circuito (sic) da Alameda e sigan espoñéndose a lesións de diversa natureza e consideración.

Non pode ser, non é razoable para unha cidade como Santiago, que a Alameda sexa o único circuito para facer un pouco de carreira contínua. Lembremos que non son infrecuentes os sustos que producen os cans ou a aparición de perigosas pedras torce-nocellos. A Alameda, ademais, como se sabe, coñece numerosos e habituais peches por mor da súa utilización para a realización de diversas actividades e actos festivos.

Esquerda Unida quere lembrarlle á cidadanía que xa presentamos o día 29 de marzo de 2007 unha moción para que o Pleno do Concello apostase pola creación dunha alternativa á Alameda para enriquecer as posibilidades da práctica deportiva do atletismo.

E nela avanzabamos que se debían realizar os estudos oportunos con participación cando menos de entidades representativas deste deporte, e coas organizacións ecoloxistas para situar dita instalación nas beiras do Sar, no futuro parque, adecuando unha zona para a práctica do atletismo, aproveitando sinerxías co multiusos do Sar. Hoxe, despois da resaca electoral coas súas promesas, ollamos como o equipo de goberno aínda non ten previsto nada semellante ao que nós demandamos.

Esquerda Unida segue reivindicando polo tanto a existencia dese espazo alternativo: un circuito de terra pisada sen pendentes pronunciadas (un máximo do 3%), sen curvas pechadas, cun amplor de polo menos 3 metros, cunha lonxitude que xira entre os 2.000-2.500 metros e unha axeitada iluminación nocturna.

Lembrámoslle ao señor Alcalde do Consello de Santiago que dita alternativa gozou do aval de máis de 1000 sinaturas tal como consta no rexistro do Concello, todas elas de persoas vencelladas á práctica desta modalidade deportiva.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida-IU
24 de outubro de 2007

No hay comentarios: